Tuesday 14 de May de 2024

A Xunta reitera a importancia da cooperación de proximidade e a planificación do traballo conxunto coma instrumentos útiles para dinamizar a actividade económica da rexión Galicia-Norte de Portugal


O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo asistiu hoxe á reunión da Asemblea da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT)

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo asistiu á reunión da Asemblea da Agrupación Europea de Cooperación Territorial-AECT Galicia-Norte de Portugal-, que tivo lugar esta mañá en Vigo, onde indicou que continuarase cos encontros de cooperación bilateral en diferentes sectores relevantes tanto para Galicia coma para o Norte de Portugal, coma é o sector forestal, onde indicaron que se celebrará unha IV edición dos Job Day coincidindo no mes de xuño ca Feira Galiforest.

Jesús Gamallo, acompañado do director xeral de Administración Local, José Alberto Pazos Couñago, destacou trala reunión mantida que a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) concentrará os seus esforzos nos vindeiros meses en desenvolver varios proxectos, coma a organización dunhas xornadas de música e artes escénicas de tódalas universidades da Eurorrexión. Ademais de dar continuidade á misión empresarial co cluster do téxtil, coa sinatura dun protocolo de irmandamento entre os concellos de Famalicao e Arteixo, e avanzouse que haberá unha nova convocatoria do Iacobus para o vindeiro curso.

Mellora da cooperación transfronteiriza
Galicia está especialmente implicada na mellora da cooperación territorial, e de maneira singular, na cooperación transfronteiriza, como avalan os máis de 25 anos de experiencia da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e a súa aposta ao poñer en marcha unha das primeiras Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT) eurorrexionáis da Unión Europea.

Nun contexto como o actual, a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e a cooperación política e empresarial entre Galicia e Portugal teñen unha especial importancia. Apostar pola complementariedade da economía, a cooperación de proximidade e a planificación do traballo conxunto son instrumentos útiles para dinamizar a actividade económica.

A AECT leva desempeñando, desde hai máis de seis anos, un papel esencial como interlocutor e referente privilexiado das políticas e as dinámicas que se xestan na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Deste xeito, ten contribuído a reforzar a cooperación entre Galicia e o Norte de Portugal, especialmente no ámbito da cooperación de proximidade, reducindo os custos de fronteira, incrementando a eficiencia na xestión de fondos para proxectos de base territorial.